March 9, 2021
De parte de Nodo50
10 puntos de vista


O 10 de marzo de 1972

Despois dunha época escura, trala derrota na guerra civil, a clase obreira en Ferrol comezou a organizarse, sobre todo no estaleiro. Dátase que entre os anos 1941 – 1943 o PCE consegue construír un grupo para empezar un traballo paciente entre os traballadores cheo de enormes dificultades. Na década dos 60 o PCE acordou a estratexia sindical de penetrar no Sindicato Vertical e gañar posicións relevantes para poder chegar a capas máis amplas de traballadores dentro e fóra do estaleiro. No resto de Galiza fóronse conseguindo importantes resultados de representación obreira en empresas como Vulcano, Barreiras, Censa, Citroen…Este traballo paciente deu un salto cualitativo o 10 de Marzo.

Os traballadores da Bazán comezaron a mobilizarse pola redución da xornada laboral, de 12 horas a 8 horas, a eliminación das horas extras obrigatorias, aumento de salario de 2500 pesetas…..dentro da loita por un convenio de factoría. Esta loita por un convenio local non se trataba de insolidariedade obreira cos traballadores de Cádiz e Cartaxena. En Ferrol as CCOO controlaban o Sindicato Vertical algo que non ocorría nos outros estaleiros e era necesario escapar a ese control, co paso dos anos retomouse esa unidade de acción. O día 7 de Marzo asínase en Madrid o convenio. O día 8 convócase unha asemblea para tratar esa firma e convócase para o día seguinte outra asemblea. O día 9, a empresa despide a seis dirixentes destacados de CCOO. Os traballadores toman a decisión de facer folga e ocupar a fábrica ata que readmitan aos despedidos. A policía franquista desaloxa a factoría cunha represión salvaxe pero os traballadores continuaron a loita polas rúas de Ferrol.

O día 10 de Marzo os traballadores acoden á factoría atopándolla pechada. Ante esta situación celebraron unha asemblea ás portas da factoría onde deciden mobilizarse. Con gran instinto de clase deciden dirixirse aos obreiros da construción e ao estaleiro de Astano buscando apoio e solidariedade. Antes de que puidesen chegar a Astano (O outro estaleiro da ría ferrolá) foron interceptados pola policía franquista instándolles a que se disolvesen ao que os traballadores néganse. Comeza unha loita desigual onde os traballadores deféndense co primeiro que atopan, utilizando pedras e paus. A policía ataca aos traballadores con balas. No enfrontamento resultan feridos numerosos traballadores que non se atreven a acudir aos hospitais polo control policial e caen mortos Amador e Daniel que eran responsables locais das CCOO e militantes do PCE. Os traballadores non deron un paso atrás conseguindo que a policía tivese que retirarse ao seu cuartel onde os traballadores tentaron asaltar en varias ocasións. A cidade estivo en mans dos folguistas durante uns días ata que a policía conseguiu reorganizarse. Esta loita supuxo a morte de dous traballadores, 20 feridos de bala e uns 200 por outras lesións, 169 detidos, 130 traballadores sancionados coa perda do emprego, 45 xulgados por asociación ilícita, uns 200 traballadores pasaron á clandestinidade, multas económicas ……Todo este proceso deu lugar ao chamado xuízo dos 23 por parte do TOP (Tribunal de orde pública franquista).

Estes sucesos tiveron repercusión en Galiza en días posteriores con mobilizacións en Ferrol, Lugo, Coruña, Ourense, na Universidade de Santiago e sobre todo en Vigo. O mesmo día 10 de Marzo en Vigo prodúcense paros obreiros en resposta ao ocorrido en Ferrol. O día 15 Marzo a policía franquista reprime unha manifestación de solidariedade na porta do sol de Vigo. A loita obreira en Galiza continuou ese mesmo ano en Vigo, na loita por un convenio en Barreiras e na Citroen e a heroica folga xeral de Outubro que acabou con numerosos despedimentos, detencións e torturas.

O arsenal de leccións que nos deixan aqueles obreiras e obreiras para a loita presente é inmenso. A súa capacidade para soportar a represión, o cárcere e mesmo a morte non era simplemente a conquista de liberdades democráticas como o dereito a reunión, liberdade sindical, dereito a folga….era a loita pola emancipación da clase obreira, a loita polo SOCIALISMO.

Folga xeral comarcal en Ferrol

O próximo 10 de Marzo hai convocada unha folga xeral comarcal en Ferrol por parte dos sindicatos CIG, CCOO e UXT. Desde Loita de Clases celebramos que ese día non sexa unha simple ofrenda floral e convértase nunha xornada de loita, porque entendemos que é a mellor maneira de honrar a memoria de Amador e Daniel e todos aqueles que loitaron por un futuro mellor, pero entendemos que para dar unha resposta ao sistema capitalista que produce miseria e sufrimento a toda a clase obreira mundial débese unificar e expandir esta loita a toda Galiza e ao Estado español.

Puedes enviarnos tus comentarios y opiniones sobre este u otro artículo a: contacto@luchadeclases.org

Para conocer más de “Lucha de Clases”, entra a este enlace

Si puedes hacer una donación para ayudarnos a mantener nuestra actividad pulsa aquí




Fuente: Luchadeclases.org