July 13, 2021
De parte de Nodo50
158 puntos de vista


Ante os recentes acontecementos en Cuba, a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil esixe que o goberno dos EUA dea cumprimento á resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, do pasado 23 de xuño que, por 184 votos contra dous, pediu, por vixésimo novena vez, o levantamento do bloqueo económico, financeiro e comercial que impón a Cuba, reforzado con 243 novas sancións nos catro últimos anos, ningunha delas levantada pola administración de Joe Biden.

A reacionaria campaña promovida polos EUA que acusa ao goberno de Cuba dos efectos causados polo ilegal bloqueo, non cita que a Asemblea da ONU reclamara de a pouco rematar co asedio da illa que xa dura máis de 60 anos.

Nestes momentos difíciles, con toda claridade, declaramos o noso apoio á Revolución cubana, ao seu pobo e o seu goberno, ante un novo intento de desestabilización política na Illa, aproveitando a actual situación de pandemia. E facemos un chamamento a participar en próximas accións solidarias que anunciaremos en breve.

Queremos denunciar, de maneira enfática, a manipulación nas redes sociais e medios de comunicación, que magnifica os incidentes acontecidos en puntos concretos da Illa, presenta imaxes de protestas ocorridas noutros países como ocorridas en Cuba, e silencia as decenas de actos espontáneos de apoio á Revolución que están, nestes intres, percorrendo a Illa.

É verdadeiramente cínico que os mesmos medios de comunicación que pasaron de esguello polos actos de represión policial, con decenas de mortes, en Colombia ou Chile, fálennos agora de “represión” en Cuba, onde as protestas foron respondidas, de maneira pacífica, por unha maioría que apoia o proceso revolucionario.

Os devanditos incidentes non son produto dunha “crise sanitaria”, como presentan @s que piden unha “intervención humanitaria” con evidentes fins políticos: a cifra de contaxios e falecementos pola Covid-19 na Illa, aínda que cun grave repunte en lugares como Matanzas, é moi inferior á dos demais países da área, como os propios EUA. As protestas están asociadas á aguda crise de desabastecemento (alimentos, combustíbel, medicamentos, transporte, apagóns eléctricos), produto da conxunción dos efectos da pandemia –o país leva, por exemplo, 16 meses sen ingresos polo turismo- cos dun bloqueo económico, financeiro e comercial, máis implacábel que nunca. O traballo en redes sociais desde o exterior, financiado polo propio goberno dos EEUU, pretende aproveitar a situación de penuria económica para conducila a unha situación de caos e desestabilización política, seguindo un patrón xa aplicado noutros países.

Queremos denunciar tamén outra das mentiras diseminadas: a dunha hipotética prohibición de entrada de axuda material ao país. Cuba está a recibir doazóns desde diferentes países do mundo. Lembremos a recente campaña basca de Xiringas para Cuba, que recadou fondos para a compra de 655.700 xiringas, dun total de máis de 10 millóns en toda Europa. E que, ante a actual situación, ampliamos.

Quen desexe colaborar coa compra de material sanitario, pode facelo, ingresando na conta de SOdePaz: ES42 1550 0001 2900 0350 9221 .

Hoxe máis que nunca dicimos “Biden, escoita ao mundo: Unblock Cuba!” E xunto ao pobo revolucionario cubano, berramos: “Patria ou Morte. ¡Venceremos!”

Tamén o MESC (Movimiento Estatal de Solidariedade con Cuba) fixo público un comunicado no que condena os reincidentes ataques contra a illa co gallo da situación de crise e carencias provocadas polo ilegal bloqueo económico, fianceiro e comercial que os EUA manteñen desde hai mais de 60 anos contra Cuba. “Este capítulo da campaña permanente contra a illa –dí a nota do MESC- forma parte da guerra que se lle fai a Cuba  e que agora se utiliza para desestabilizar o pais con desprezo das súas institucións e violando o Dereito Internacional”.

Mentres os medios dominantes silenciaron o labor solidario das Brigadas Médicas Cubanas Henry Reeve, as arrasadoras consecuencias do prolongado bloqueo económico imposto polos EUA ou o  feito de producir cinco candidatos vacinais contra a COVID-19, salientaron pola contra as dificultades da poboación cubana das que fan responsábel único ao goberno cubano. O MESC recorda que a recomendación, emanada dos EUA, dunha intervención estranxeira para prestar asistencia hipócritamente definida coma humanitaria a illa sitiada, é un ataque directo a soberanía de Cuba.

De asistir a illa contra o criminal ataque da acumulación do capital, desde os recuados tempos en que comezara o bloqueo, ocúpanse máis de 2.000 asociacións de solidariedade de todo o mundo, así como centenares de entidades de cubanos e cubanas residentes no exterior, que esixen respecto a soberanía e independencia de Cuba e acabar coa política desaforada do bloqueo de parte dos EUA.

http://www.terrasenamos.org/manifestacions-a-prol-de-cuba-acompanan-en-todo-o-mundo-a-nova-aclamacion-na-onu-contra-o-bloqueo/




Fuente: Terrasenamos.org