September 23, 2021
De parte de Nodo50
240 puntos de vista


Mariña Lima (Coral Gables, Florida) 

Con 95 anos finou Alfonso Sastre en Hondarribia ( Euzkadi) onde se establecera fins dos 70 xunto a súa compañeira Eva Forest depois de padeceren cadea baixo acusacións inducidas do común compromiso coa esquerda abertzale, que nunca serían probadas. Sastre consideraba que a Revolución Cubana era o acontecimento capital do socialismo contemporáneo pola súa irradiación universal e por ter renovado a resistencia contra o Imperio. “A Revolución Cubana é unha liña de fazañas irrepetíbeis:  Moncada, o Granma, a guerra na Serra, o derrocamento de Batista, a resistencia contra o bloqueo e a forma en que remonta o asalto desesperado do Imperio depois da caída da URSS. Mesmo a construción política  previa a  Revolución foi un acerto, igual que a esperanza de liberación que transmite a toda Latinoamérica e Caribe: Venezuela, Nicaragua, Chile, Bolivia, Perú, Colombia, Arxentina, Uruguai…”

Sastre e Eva Forest con Fidel na Habana. Con eles, na esquerda da foto, Mario Benedetti e Armando Hart (ministro de Cultura)

A rendición da idea da Hispanidade fronte do Imperio, coa conseguinte renuncia a conservar un espacio histórico e cultural común é un dos motivos dramáticos que Sastre desenvolve case en exclusiva dentro da súa xeración. A ironía sobre o patriotismo racista dos colonizadores de Cuba é unha revelación en Ahola non es de leil, subtitulada Tragedia sin importancia (da que existe versión en Galego de Gero Calero) escrita polo autor na cadea de Carabanchel no tempo en que o xuiz Garzón presumía de manga ancha  para encarcerar preventivamente. O texto critica un patriotismo da lingua española e das tradicións dos colonizadores que parecía preferir o dominio do Imperio USA. Sastre viraba polo forro o espírito do 98 no senso de abrazar a rebeldía cubana fronte o Imperio e admitir que o independentismo tamén pode representar o orgullo restante da metrópole colonial. O dramaturgo dixo en moitas ocasións que Cuba era a súa verdadeira Madre Patria

Á sombra da reforma terciada do franquismo, os media relearon a importancia do dramaturgo vivo mais importante da súa xeración, a causa da súa condición de defensor da loita abertzale e da Revolución Cubana. Un silenzo imposíbel de aceptar sen consecuencias para un médio reactivo contra a censura por antonomasia como é o teatro.

O dramaturgo en ostracismo, aparecia decote como primeiro asinante contra os que celebraban o bloqueo.  “E verdade –escrebe Alfonso Sastre- que o Poder procura calar por todos os medios (nunca mellor dito) aos disidentes; pero no é menor verdade que moitos intelectuais aceptan calar con abraiante facilidade. En xuño de 2003, os acubillados de PRISA asinaran unha miserábel Carta abierta contra la represión en Cuba, directamente ditada pola CIA, e dende a Alianza de Intelectuales Antimperialistas comprendimos a urxencia de contestar pública e colectivamente. A réplica era inexcusabel, pois o porquiño orwelliano que controla os medios pretendia (e case o dá conseguido) facernos crer que o pleno da intelligentsia ibérica estaba contra a Revolución Cubana! A recollida de asinaturas para o noso comunicado (“Con Cuba, contra el Imperio”) foi reveladora. Varios intelectuais e artistas, considerados de esquerda, recusaron asinar malia estaren dacordo coa nosa réplica, por non poderen (aseguraron sen vergoña) seguir escribindo en El País, ou por defenderen as súas películas no Canal Plus, ou as súas novelas en Alfaguara… Non nos enganemos: a maioría dos intelectuais que calan, non o fan para salvaren súas vidas (…) senón para defenderen súas piscinas, como dixera Dalton Trumbo dos que no macartismo traizoaran seus compañeiros”.

O poeta e ministro de Cultura de Cuba, Alpidio Alonso Grau, manifestou seu pesar pola morte do dramaturgo que defendeu a Revolución en todas as ocasións nas que o sistema de propaganda imperialista inzaba os media de retrousos contra Cuba. “Moi dolorosa a noticia da morte do grande dramaturgo e pensador español Alfonso Sastre. A súa obra, monumental, perdurará. Os cubanos non esqueceremos ao amigo leal.”




Fuente: Terrasenamos.org