March 15, 2022
De parte de Nodo50
711 puntos de vista

O Congreso recusou hoxe tomar en consideración unha proposición de lei que ten como obxectivo que os delitos de xenocidio e lesa humanidade cometidos durante a ditadura franquista puidesen ser investigados polos xulgados españois.

Crímenes del franquismo | Una reforma del Código Penal que puede abrir la puerta a investigar los crímenes del franquismo - El Salto - Edición General                       Concentración de Ceaqua, Amnistía Internacional e grupos que promoveron a proposición de lei para a reforma do Código Penal no Congreso dos Deputados. Elvira Megías

O Congreso recusou hoxe tomar en consideración unha proposición de lei para unha reforma do Código Penal que facilitaría a investigación e procesamento dos crimes do franquismo. Fíxoo cos votos en contra de Cidadanos -que acusou de “querer converter o Código Penal nunha güija“, en palabras de Guillermo Díaz Gómez-, de Vox e do Partido Popular -que aproveitou para, non se sabe ben a conto de que, lanzar pestes contra o comunismo e pedir a persecución de crimes cometidos por ETA- e PSOE, que argumentou o seu rexeitamento afirmando que a reforma violaría o principio de legalidade do ordenamento xurídico español, en palabras do deputado Indalecio Gutiérrez, que engadiu que a lexislación internacional non o ampara, apesar de que a ONU reclamou a España actuar nesta dirección e obviando que os xulgamentos de Núremberg foron levados a cabo seguindo a mesma argumentación que a que mantén a proposición de lei presentada.

A proposta de lei ten como obxecto engadir un artigo ao Código Penal para explicitar que os delitos de lesa humanidade son imprescriptibeis sen importar se foron cometidos antes ou despois de seren recoñecidos como imprescriptibeis na lexislación estatal.

A proposición de lei, presentada polo Grupo Plural, o Grupo Euskal Herria Bildu, o Grupo Republicano, o Grupo Vasco e o Grupo Mixto, ten como obxectivo introducir un novo artigo, o 2 bis, co texto seguinte: “O disposto nos dous artigos precedentes non impedirá o xulgamento nin a condena de actos ou omisións que, no momento da súa comisión, constituíren, segundo o dereito recoñecido polas nacións que conforman a comunidade internacional, os delitos sinalados nos capítulos II, II bis, III e IV, do Título XXIV do Libro II deste Código Penal”.

E é que, eses dous artigos precedentes-?o 1 e 2 do Código Penal- establecen que non se pode condenar por un feito que non estaba tipificado como delito cando este tivo lugar, un principio que foi sinalado en decenas de resolucións ditadas polos xulgados españois para non investigaren os crimes do franquismo, apesar de que a legalidade internacional deixa fóra deste principio os crimes de lesa humanidade.

Cando a Audiencia Provincial de Valencia arquivou a investigación sobre os fusilados da fosa 113 de Paterna, onde xa foron achados 77 corpos de persoas asasinadas entre 1940 e 1941 polo réxime franquista, sinalou como unha das causas que impedía o proceso o principio de legalidade e irretroactividade das leis. Tamén este principio de legalidade era mencionado na circular que en setembro de 2016 emitiu a Fiscalía Xeral do Estado e coa que prohibiu aos procuradores executaren comisións rogatorias procedentes da Arxentina en relación á querela polos crimes do franquismo que o Xulgado Nacional no Criminal e Correccional Federal número 1 de Buenos Aires investiga desde 2010.

“Os feitos estarían claramente prescritos. É só en data moito máis avanzada cando se establece a imprescriptibilidade dos delitos de xenocidio e lesa humanidade”, afirmaba a circular, que apunta o 1 de outubro de 2004 como a data en que os delitos de lesa humanidade deixaron de ser prescriptibeis en España. Contodo, segundo destacan desde a Coordenadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (CeAQUA) e as organizacións de memoria histórica, a legalidade internacional obriga o Reino de España a investigar os delitos de lesa humanidade mesmo se estes non estaban tipificados na lexislación española cando tiveron lugar.

“Suporía remover una os principais obstáculos que impiden a investigación e o procesamento de crimes franquistas, o principio de legalidade, e que foi invocado en todas e cada unha das resolucións xudiciais que ditaron o xulgado e tribunais españois na orde xurisdiccional penal para inadmitir a trámite as querelas presentadas”, explica Jacinto Lara, avogado de Ceaqua.

O delito de xenocidio, tipificado nos artigos 607.1 e 607 bis, xa estaba contemplado no dereito internacional

“Desde o prisma do dereito internacional, a garantía e o principio de legalidade e irretroactividade na aplicación da lei penal desfavorábel non é vulnerado coa aplicación dun tipo penal non existente no noso dereito interno no momento da súa comisión, mais si existente no dereito penal internacional”, explica a exposición de motivos da proposta de lei, en que se sinala que o delito de xenocidio, tipificado nos artigos 607.1 e 607 bis, xa estaba contemplado no dereito internacional.

“A proposición de lei o que pretende é modular o principio de legalidade conforme ao dereito internacional dos dereitos humanos”, continúa Lara. “Isto é, aínda que no noso Código Penal non se incorporou como tipo penal até 2004 o crime de lesa humanidade e, portanto, non pode resultar aplicábel a feitos anteriores a esa data, o certo é que conforme a diferentes tratados e convenios internacionais subscritos e ratificados polo Estado español, o principio de legalidade se modula considerando que, alén da data en que se recoñeza o tipo penal de crime contra a humanidade no código penal interno, hai que atender se ese crime xa era considerado como tal conforme os principios xerais recoñecidos pola comunidade internacional, e o feito é que o crime contra a humanidade, polo menos desde Nuremberg xa estaba recoñecido como tal pola comunidade internacional e, portanto, é aplicábel aos crimes franquistas denunciados”.

O principio de legalidade e irretroactividade penal é un dos argumentos principais polos que a xustiza española foi arquivando sistematicamente as causas sobre os crimes do franquismo

O principio de legalidade e irretroactividade penal é un dos argumentos principais polos que a xustiza española foi arquivando sistematicamente as causas sobre os crimes do franquismo. A el súmanse a morte dos culpabeis e a Lei de Amnistía. Respecto deste último punto, unha emenda pactada por PSOE e Unidas Podemos á Lei de Memoria Democrática podería evitar que os crimes de lesa humanidade e xenocidio deixasen de estar amparados pola Lei de Amnistía.

El Salto Diario




Fuente: Esculca.gal