March 30, 2021
De parte de CGT De Galicia
28 puntos de vista


Navantia publicou esta mañá as listaxes de admitidos e non admitidos nas prazas de operarios e empregados sénior 2019.

O xoves pasado, nunha xuntanza da Comisión de Emprego, decidiuse pedirlle á empresa que, antes de publicalas, entregase as listaxes ó comité, para poder revisalas e, no seu caso, facer un cribado de comprobación, como se fixo tanto nas prazas júnior coma nas de universitarios sénior.

A empresa negouse. MAS e CCOO aceptaron a negativa. Por que Navantia négase agora a facer o que se fixo noutras convocatorias? Por que MAS e CCOO, no canto de esixir o mesmo ca noutras prazas, aceptaron esa negativa? Por que impediron que todo o comité fixese unha revisión antes da publicación?

A maiores, as listaxes seguen tendo toda unha serie de eivas.

É impresentable que siga sen especificarse os motivos concretos da non admisión. Non abonda con dicir “documentación incompleta”; hai que especificar que documentos faltan.

Máis grave. Despois de que tanto a empresa como CCOO e MAS mantivesen paralizadas as convocatorias durante meses, agora teñen tanta, tanta présa, que o prazo de reclamacións VIOLA AS BASES da convocatoria, que establecen tres días. As listas provisorias de aprobados na 1ª proba das prazas júnior publicáronse o venres 31 de xullo de 2020. Cal foi o período de reclamacións? Das 00:00 h. do luns 3 de agosto ás 23:59 h. do mércores 5.

Agora o prazo comezou hoxe mesmo e rematará ás 11:59 h. do Xoves Santo. Se chega a aplicarse o mesmo criterio, o prazo comezaría ás 00:00 do martes 30 e remataría ás 23:59 h. do martes 6 de abril. Non só dificultan as reclamacións non informando dos motivos concretos e publicando as listaxes no medio da Semana Santa, senón que na práctica reducen, con festividade e alevosía, o prazo para reclamar. Por que queren dificultar as reclamacións?

A CGT esixe:

1) QUE TÓDOLOS SINDICATOS POIDAMOS COMPROBAR O QUE ESTIMEMOS OPORTUNO.

2) PUBLICACIÓN POSTERIOR DUNHAS NOVAS LISTAXES PROVISORIAS QUE INCLÚAN TÓDOLOS MOTIVOS CONCRETOS DA NON ADMISIÓN.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia – Ferrol

Comparte esta noticia…
Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone



Fuente: Cgtgalicia.org